martes, 6 de febreiro de 2018

Teimas enceta a programación de Entroido de Forcarei:::

O Concello de Forcarei vén de pechar a súa programación do Entroido 2018, que rexistra unha importante variación con respecto a edicións anteriores, xa que decidiron unificarse as festas infantil e de adultos nunha mesma xornada e co mesmo horario co obxectivo de facilitar a loxística dos proxenitores e impulsar unha xornada de convivencia festiva e familiar. O programa de actividades do Entroido 2018 arrancará o venres 9 coa representación da comedia “Teimas”, a cargo da compañía Disfunción Continua Teatro, no auditorio de Soutelo de Montes. Esta obra, dirixida por Jouse García, terá lugar ás 21.00 horas. Xa o Sábado de Entroido, 10 de febreiro, celebraranse as mencionadas festas con concurso de disfraces nas respectivas categorías de cativos e adultos desde as 18.00 horas no Centro Social de Forcarei. Os premios serán similares aos das edicións anteriores e contarase coa presenza de mascotas do mundo Disney e dunha discoteca móbil para animar a xornada. Por outra banda, o municipio tamén acollerá outras actividades de Entroido, neste caso na localidade de Soutelo de Montes e organizadas pola Asociación de Nais e Pais (Anpa) do colexio público. Así, o sábado 10 haberá unha festa de Entroido con degustación de pinchos elaborados polo chef Rubén García, que é o encargado de cociña do centro educativo. Será desde as 19.30 horas e poderán degustarse empanadas, croquetas, tostas e pinchos morunos, entre moitas outras tapas. Xa o domingo 10, a localidade soutelana acollerá unha festa de disfraces desde as 16.30 horas que incluirá un concurso de filloas con degustación popular. Estas dúas actividades celebraranse no colexio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario